Wiki de Mancomunwikisecretaria

Manual do Firefox 2.0

Revisión feita por Mar (Conversa | contribucións) ás 08:11, 19 setembro 2007
(dif) ← Revisión máis antiga | Revisión actual (dif) | Revisión máis nova → (dif)

Índice

Historia do proxecto Mozilla

O Firefox é un navegador multiplataforma (funciona tanto en Windows coma en GNU/Linux ou Mac OS X) nacido no seo do proxecto Mozilla. Foi concibido para ser un programa rápido e innovador que logo se converteu en todo un referente.

Mozilla é o nome dun dos proxectos de programación libre máis importantes da actualidade, centrado na creación de innovación tecnolóxica na Internet.

A súa orixe remóntase ao ano 1998, froito da cesión á comunidade do código fonte do paquete de aplicacións da Internet Netscape Communicator.

Baixo a supervisión do grupo de traballo mozilla.org, e posteriormente coa fundación do mesmo nome, o código liberado recibiu unha profunda revisión e reescritura que finalmente conduciu, o 5 de xuño de 2002, á saída da primeira versión estable do Mozilla, unha aplicación baseada no antigo Netscape Communicator que integraba navegador, cliente de correo, conversa IRC e creación de páxinas web.

O Firefox naceu como unha rama experimental, que daquela era concibida a miúdo como unha aplicación pesada de máis para a maioría dos usuarios da Internet. Despois de diferentes mudanzas de nome e de imaxe, xunto cunha progresiva evolución tecnolóxica, culminou coa aparición da versión 1.0 o 9 de novembro de 2004. Desde esta data foron achegándose máis e máis innovacións e converteuse, grazas ao ilimitado potencial que representan as súas extensións, nunha das aplicacións líder do panorama informático actual. Paralelamente ao Firefox, tamén se foi desenvolvendo o Thunderbird, orientado á xestión do correo electrónico, do que tamén temos un manual no wiki de mancomun.org.

Aínda que se trata de software libre, tanto o nome como o logo da marca "Firefox" son propiedade da Fundación Mozilla. Ao non ser copyleft, o seu uso pode implicar incompatibilidades con algunhas licenzas libres. Por este motivo, o Firefox da distribución Debian GNU/Linux chámase Iceweasel e o seu logo é diferente, aínda que basicamente se trata do mesmo programa coas mesmas funcionalidades descritas neste manual.

Tecnoloxía Mozilla e estándares web

Un dos principais atractivos da tecnoloxía do proxecto Mozilla é que está intimamente ligada co mesmo web. Gran parte do código dos programas Mozilla está escrito nas mesmas linguaxes (XML, CSS, JavaScript) coas que todo o mundo crea e deseña páxinas web e controla a súa interactividade.

En 1994 Tim Berners-Lee, pai da World Wide Web, fundou o World Wide Web Consortium (W3C), un consorcio creado para garantir o mutuo entendemento entre todos os actores involucrados na creación de aplicacións e sitios web na Internet.

Desgraciadamente, ao longo da chamada primeira guerra dos navegadores, acentuouse a falta de compromiso respecto disto e cada fabricante acabou adoptando algunhas especificacións propias diferenciadas das do competidor, o que lle afectou globalmente de xeito negativo na compatibilidade e accesibilidade da Web.

Iso provocou que certas páxinas só fosen accesibles desde certos navegadores (normalmente o Internet Explorer) condicionando así a liberdade de elección do usuario e restrinxindo a extensión de uso de diferentes programas e dispositivos.

A emerxencia do proxecto Mozilla e o seu firme compromiso polos estándares web (http://developer.mozilla.org/en/docs/Web_Standards) ao mesmo tempo que a popularidade cada día maior dos seus programas, está a mudar a situación na que nos atopabamos hai uns anos.

Se deseñamos páxinas web, debemos ter este compromiso diante dos nosos futuros usuarios. Por outra banda, se non podemos acceder a un sitio web e sospeitamos que é por algún dos motivos anteriormente descritos, non teñamos dúbidas tampouco en contactar co webmaster para que o solucione.

Migración do Internet Explorer ao Firefox

Aínda que este manual está enfocado para utilizar o Firefox en GNU/Linux, de seguido vanse facer algunhas rápidas reflexións para aqueles usuarios que decidan utilizalo en Windows. Entidades coma o mesmo departamento de seguridade nacional dos EUA recomendaron o uso de navegadores diferentes do Internet Explorer por motivos de seguridade. O Firefox é neste sentido unha das solucións máis serias. Ademais, a diferenza do primeiro, pódese utilizar en todo tipo de sistemas operativos, ampliando así a liberdade de elección do usuario e transferindo facilmente a experiencia adquirida dun sistema a outro.

Se ata agora usamos o Internet Explorer non nos será nada difícil acostumarnos ao Firefox.

En canto á versión do navegador de Microsoft no momento de escribir este manual, temos as seguintes características máis destacadas que iremos comentando ao longo do texto:

Navegación por separadores: No canto de abrir unha ventá diferente para cada páxina da Internet que visitemos, podemos abrir diferentes páxinas nunha mesma ventá repartidas por separadores e que podemos ordenar como queiramos.

Xestión de ventás emerxentes: podemos elixir que sitios da Internet permitimos que nos amosen ventás diferentes á que estamos accedendo.

Xestión de cookies: podemos configurar o comportamento do Firefox cando un sitio da Internet nos pida gardar cookies de información durante a nosa navegación.

Xestión de descargas: é posible organizar todo o que baixemos da Internet nunha única ventá. Podemos seguir a evolución das nosas descargas sen ter unha ventá separada para cada unha.

Xestión de imaxes: podemos facer que o Firefox non amose as imaxes dun certo sitio da Internet ou incluso inhabilitarlle completamente a carga. Iso pode sernos especialmente útil se queremos reducir o tempo de espera para abrir unha páxina ao estarmos traballando cunha conexión lenta.

Extensións, motores de busca e complementos (plug-in): co Firefox podemos estender moito máis a funcionalidade e a personalización da aplicación do que puidésemos imaxinar nunca co Internet Explorer. Todo isto grazas á súa especial tecnoloxía e ás facilidades que lles proporciona aos desenvolvedores o software libre.

Para migrar as nosas preferencias, cookies, marcapáxinas e contrasinais web só temos que seguir as instrucións que se indican na sección de importación deste mesmo manual.

A continuación descríbense algunhas diferenzas de terminoloxía que poden sernos útiles para migrar do Internet Explorer en castelán ao Firefox en galego.

Internet Explorer (castelán)

Firefox (galego)

Opciones de Internet

Preferencias

Archivos temporales de Internet

Memoria caché

Favoritos

Marcapáxinas

Barra de direcciones

Barra de localización

Barra de vínculos

Barra de marcapáxinas

Copiar acceso directo

Copiar o enderezo da ligazón

Guardar destino como

Gardar a ligazón como...

Instalación

O Firefox é actualmente o navegador predeterminado da maioría de distribucións GNU/Linux, e seguramente xa o atoparemos instalado se utilizamos este sistema operativo.

Se non traballásemos con GNU/Linux ou se quixésemos unha versión diferente da que proporciona a nosa distribución podémola baixar dos sitios web de Mozilla e Mozilla Europa, como tamén de mancomun.org, onde atoparemos ademais outro software en lingua galega.

Ao longo deste manual amosaremos capturas do Firefox nun sistema GNU/Linux. A pesar diso, o seu funcionamento non difire dos diferentes sistemas onde se pode executar, exceptuando ao mellor a instalación.

Unha vez rematada a instalación, o Firefox abrirase cunha páxina de inicio onde podemos comezar a navegar pola Internet con total comodidade.

Páxina de inicio do Firefox

Figura 1. Páxina de inicio do Firefox.

Se queremos podemos definir unha ou varias páxinas de inicio personalizadas desde Editar/Preferencias/Xeral. Podemos collela/s das páxinas abertas no navegador nese momento ou desde os marcapáxinas, dos que falaremos máis adiante.

Ventá de preferencias do Firefox

Figura 2. Ventá de preferencias do Firefox.

Importación de datos persoais

Se o programa nolo pide a primeira vez que se executa, podemos importar as preferencias, os marcapáxinas, o historial de navegación e outro tipo de datos doutros navegadores que tiñamos previamente no computador. Tamén podemos realizar esta operación en Ficheiro/Importar..., desde onde activaremos un asistente que nos guiará no proceso. Eliximos o navegador de orixe e a continuación aqueles datos que queremos importar. Unha vez que acabemos, ao abrirse o Firefox, poderemos comprobar por exemplo nos marcapáxinas, que puidemos importar todo aquilo que tiñamos no computador.

Imaxe:FirefoxImportarP.png

Figura 3. Asistente de importación de datos.

Interface de usuario

Barra de navegación

A barra de navegación é o punto central desde onde se dirixe o que se fai pola Web.

Imaxe:FirefoxBarraNavP.png

Figura 4: Barra de navegación do Firefox 2.0

Atopamos botóns (1), unha barra de localización (2)(onde escribimos os enderezos URL) e unha barra de buscador (3). Podemos personalizar o seu aspecto, cambiar a medida dos botóns, amosalos só en formato texto e outras opcións como engadirlle algúns novos que teñan novas funcionalidades, normalmente dadas por extensións que xa instalaramos. Ao premer o botón dereito do rato sobre a barra, temos acceso a todo este abano de opcións.

Barra de busca

Se queremos iniciar a busca dun texto nunha páxina web, prememos en Editar/Buscar nesta páxina..., ou ben coa combinación de teclas Ctrl+F, faremos aparecer unha barra inferior desde onde se pode escribir a nosa selección para percorrer a páxina buscando as coincidencias a medida que escribamos o termo da busca. Do mesmo xeito, estas poden resaltarse visiblemente se así o queremos.

Imaxe:FirefoxBuscaP.png

Figura 5. Barra de busca nunha páxina web.

Barra de busca web

Na marxe superior dereita da ventá hai unha pequena barra cun menú despregable desde onde podemos facer buscas na Internet sen necesidade de escribir o enderezo correspondente na barra de localización adxacente. Cada elemento deste menú despregable é un motor de busca de diferentes sitios web aos que se lles pide atopar páxinas relacionadas con aquilo que escribimos. Se eliximos a última opción do menú, Xestionar os motores de busca..., temos a posibilidade de configurar os diferentes motores de busca que están instalados.

Imaxe:FirefoxBuscadoresP.png

Figura 6. Menú despregable de motores de busca web.

Por exemplo, se prememos en Conseguir máis motores de busca..., accederemos a unha páxina web na que hai unha listaxe de motores de busca para diferentes recursos (https://addons.mozilla.org/search-engines.php). Para engadirlle máis á nosa barra de busca só temos que premer no vínculo que os acompaña e aparecen pouco despois. Dende a ventá para xestionar os motores de busca tamén podemos eliminar os buscadores que non nos interesen ou cambiar a súa orde. Na versión 1.5x do Firefox, se ademais de engadir, queriamos suprimir motores de busca, tiñamos que instalar a extensión SearchPluginHacks (http://www.iosart.com/firefox/#searchpluginhacks)

Imaxe:FirefoxBuscaGalipediaP.png

Figura 7. Motor de busca da enciclopedia libre Galipedia.

Separadores

Unha das características máis populares do Firefox son os separadores. Grazas a eles, todo o mundo pode ter o contido polo que está a navegar dun xeito máis accesible e non con múltiples ventás esparexidas por todo o escritorio.

Imaxe:FirefoxPestanasP.png

Figura 8. Múltiples separadores do navegador.

Á parte de poder abrir e pechar separadores desde o menú principal, tamén podemos xestionalos premendo o botón secundario do rato sobre a barra de separadores. Ademais, pódese utilizar comodamente o teclado para abrir (Ctrl+T) e pechar (Ctrl+W) separadores.

Tamén podemos mover e reordenar os separadores segundo nos conveña premendo enriba du e arrastrándoo a onde queiramos.

Un truco bastante útil é recorrer ao botón do medio ou, alternativamente, á combinación do botón primario (esquerdo) e do secundario (dereito) do rato, premendo nunha ligazón dentro dunha páxina. Facendo isto, abrirase inmediatamente a páxina nun novo separador non nunha nova ventá.

O comportamento do navegador respecto aos separadores pode modificarse en Editar/Preferencias/Separadores. Por exemplo, pódese configurar a forma na que se abrirá unha páxina desde unha aplicación externa (p.ex. un cliente de correo), nun novo separador ou nunha nova ventá.

Se con todo isto non tivésemos bastante, existen un gran número de extensións que engaden máis funcionalidades á navegación por separadores. Por exemplo:

Tab Mix Plus proporciona unha gran cantidade de opcións para os separadores xunto coa posibilidade de gardar a nosa sesión, que se podería recuperar no caso de que o navegador ou o computador se colgase inesperadamente. Esta posibilidade xa está incluída a partir da versión 2.0 do Firefox.

Firefox Showcase permite visualizar os separadores abertos comodamente desde un taboleiro ou desde a mesma barra lateral.

Imaxe:FirefoxShowCaseP.png

Figura 9. Visualización de separadores do Firefox Showcase.

Menús

En función do sistema operativo que utilicemos hai algunha lixeira diferenza nalgúns elementos dos menús. Nesta guía collemos o modelo de GNU/Linux como exemplo, pero poderemos facilmente traducilo ao que utilicemos con esta táboa.

Elemento do menú

MS-Windows

GNU/Linux

Mac OS X

Opcións/Preferencias

Ferramentas/Opcións

Editar/Preferencias

Firefox/Opcións

O menú Ficheiro inclúe as ordes máis habituais de manipulación de ventás ou separadores, de ficheiros (abrir e gardar unha páxina web ou enderezo URL), as opcións de impresión, a importación (que xa describimos antes) e a saída do programa.

No menú Editar atopamos as funcións de edición comúns co mesmo sistema de ventás onde traballamos (seleccionar, copiar, cortar, pegar), como tamén a capacidade de busca dun texto na páxina web que esteamos a visitar.

Desde o menú Ver podemos controlar que elementos da interface do Firefox se amosan. Estes elementos poden ser barras de ferramentas, ou a barra lateral, que pode conter tanto os marcapáxinas, o historial como outro tipo de contidos específicos que puidese engadir unha extensión.

Desde este sitio tamén podemos regular como se visualiza unha páxina web concreta, podemos axustarlle o zoom, cambiar o estilo da páxina ou dispoñer unha visualización de pantalla completa.

Algunha vez podemos atoparnos con algunha páxina web que amose caracteres dun xeito incorrecto. Iso adoita ser debido a que o navegador interpreta incorrectamente a codificación da páxina web. Podemos solucionalo se cambiamos a codificación de caracteres desde este menú. No menú Historial atopamos un resumo das últimas entradas do historial e tamén ordes para movérmonos e activar o panel lateral co historial.

O menú de Marcapáxinas contén unha selección das páxinas web que fomos almacenando no noso perfil, e ferramentas para a súa xestión e organización.

O menú Ferramentas contén todos os outros extras do Firefox, a xestión das descargas, os complementos (temas e extensións). Tamén moitas das características e opcións das funcionalidades que proporcionan moitas das extensións que puideramos instalar. Desde este sitio tamén se accede ás opcións de configuración do navegador, excepto polo que se dixo na táboa anterior.

Finalmente cómpre ter moi presente o menú Axuda, que desgraciadamente se obvia a miúdo, e desde onde podemos acceder a moita información e indicacións que nos poden axudar a sacarlle un maior proveito ao Firefox.

Do mesmo xeito que se pode acceder ou executar a maioría de accións ou menús do Firefox a partir de atallos do teclado (véxase a referencia á axuda integrada do programa) tamén se pode facer mediante a combinación de movementos do rato grazas a extensións coma a Mouse Gestures.

Marcapáxinas

Os marcapáxinas, que reciben o nome de favoritos en navegadores como o Internet Explorer, son unha selección de ligazóns dos enderezos web que consideramos interesantes como para poder visitalos nun futuro. Se botamos unha ollada ao menú Marcapáxinas, veremos que están organizados en diferentes subcartafoles. Por defecto coa instalación, temos diferentes subcartafoles:

  1. Unha contén información sobre o Firefox e o proxecto Mozilla.
  2. Outra é unha selección de buscas rápidas que podemos chamar desde a barra de localización grazas a unha palabra clave asociada ao enderezo que se liga. Por exemplo, se escribimos na barra de localización google linux, buscaremos en Google este termo grazas ao elemento que existe neste subcartafol. Para coñecer a palabra clave asociada a cada marcapáxinas das buscas rápidas ir ao Xestor de Marcapáxinas, seleccionar un e premer no botón Propiedades
  3. Tamén temos un subcartafol que se chama Cartafol da barra de marcapáxinas. Esta contén os enderezos que podemos ver debaixo da barra de navegación e que nos permite acceder rapidamente a diferentes recursos.

Imaxe:FirefoxCartafolMozilla.png

Figura 10. Subcartafol da barra de marcapáxinas

Para engadir un novo marcapáxinas, podemos elixir a opción Marcar esta páxina... , á que podemos acceder desde o menú ou ben premendo no corpo da páxina co botón secundario do rato. Do mesmo xeito, tamén podemos facelo premendo co botón secundario do rato nunha ligazón dunha páxina.

Imaxe:FirefoxMarcapaxinasP.png

Figura 11. Engadir unha páxina web aos marcapáxinas

Se temos unha morea de separadores que conteñen páxinas que queremos engadir aos marcapáxinas, tamén existe a opción Marcar todos os separadores... que nos permite facer todo dunha vez.

Se abrimos o xestor de marcapáxinas desde o menú Marcapáxinas/Xestionar os marcapáxinas..., podemos organizalos ao noso gusto cunha maior comodidade. Este inclúe tamén opcións de importación e exportación que nos facilita o traspaso de marcapáxinas entre computadores e usuarios.

Imaxe:FirefoxXestorMarcapaxinasP.png

Figura 12. Xestor de marcapáxinas.

Para acceder rapidamente aos marcapáxinas que teñamos acumulados, podemos facelo tamén desde a barra lateral premendo Ctrl+B ou ben desde o menú Ver/Panel lateral/Marcapáxinas.

Un tipo especial de marcapáxinas son os que reciben o adxectivo "actualizable", que son, de feito, a implementación no Firefox das canles de información que facilitan moitas páxinas web para notificar os seus cambios e actualizacións. Esta característica, cada vez máis estendida, coñécese como a sindicación web. Grazas a isto está permitido acceder de forma máis rápida e cómoda a aqueles contidos que nos poidan interesar mediante as canles que reciben o nome de RSS, ATOM ou XML, facendo referencia ao protocolo ou formato que utilicemos.

Moitos sitios web informan diso cun botón laranxa con algúns dos acrónimos anteriormente citados, e tamén o anuncian no Firefox cunha icona laranxa que aparece na marxe dereita da barra de localización. Se prememos nela, podemos engadirlle a canle correspondente como se fose talmente calquera outro marcapáxinas. A continuación este engadirase onde se elixise coma un novo cartafol. Os elementos que contén iranse actualizando periodicamente no noso navegador sen que teñamos que facer nada máis.

Imaxe:FirefoxEngadirRssP.png

Figura 13. Engadir unha canle RSS como marcapáxinas actualizable.

Imaxe:FirefoxNovasRssP.png

Figura 14. Visualización das novas dunha canle RSS.

Unha extensión, Sage, permite engadir máis opcións á xestión e visualización dos marcapáxinas. Accédese á súa funcionalidade desde o panel lateral e pódese inspeccionar e acceder ás actualizacións das nosas canles directamente desde a pantalla. Tamén é especialmente interesante a opción de importar e exportar canais en OMPL, que é o formato que utilizan normalmente os programas que len canles, coñecidos tamén como agregadores de novidades.

Imaxe:FirefoxSage.png

Figura 15. Extensión SAGE para a visualización das novas das canles RSS.

Descargas

Aínda que hai programas específicos para as tarefas de xestión de descargas, o Firefox incorpora un eficiente xestor para este propósito. Cando prememos nunha ligazón que apunte a un documento que queiramos baixar, o navegador probará a visualizar o documento, xa sexa como páxina web ou ben con algún complemento (coma se fai cos PDF).

No caso de que o navegador non saiba que facer, entón preguntaranos se queremos elixir un programa para abrir o documento ou ben gardalo no disco.

Imaxe:FirefoxDescargas.png

Figura 16. Xestor de descargas

O comportamento por defecto nestas circunstancias pode modificarse en Editar/Preferencias/Xeral no separador Descargas. Ahí podemos definir onde queremos gardar os ficheiros que baixemos, ou ben facer que o navegador nolo pida en cada descarga. Desde Editar/Preferencias/Contido-Tipos de Ficheiros podemos seleccionar como se abrirán certo tipo de ficheiros coa axuda de aplicacións externas e/ou complementos que poidamos ter instalados no noso computador.

Imaxe:FirefoxDescargas1.png

Figura 17. Progreso do ficheiro baixado

Ao comezar unha descarga, desde o xestor podemos ver o seu progreso, parar a transferencia, retomala ou optar por cancelala. Mentres conservemos a listaxe e non a borremos, podemos abrir desde alí os ficheiros que baixaramos. Se se trata dun executable, o programa advertiranos e pediranos que comprobemos que non existe perigo para o noso computador.

Se non fose visible, podemos acceder en calquera momento ao xestor de descargas indo a Ferramentas/Descargas, ou ben con Ctrl+Y. Podemos, asemade, ver e suprimir a listaxe, como tamén definir un comportamento por defecto, por exemplo que se baleire a listaxe en cada sesión. Isto pódese facer desde o separador Historial de descargas do menú Editar/Preferencias/Privacidade. Cómpre notar que cando suprimimos unha descarga da listaxe, non o estamos a facer do noso disco duro, pois se queremos realmente eliminala, teremos que ir á situación onde se baixara e suprimila como o facemos habitualmente no noso sistema operativo.

Historial

As referencias de todos os sitios web que se visiten acumúlanse nun historial de navegación. Pode accederse a el facilmente a través da barra lateral con Ver/Panel lateral/Historial ou con Ctrl+h.

Nesta listaxe é posible buscar algún texto que identifique o título das páxinas, como tamén ordenala e visualizala en función da data, o sitio ou a frecuencia e momento da visita.

É posible definir o número de días que queremos que o Firefox lembre no historial as páxinas que se visitan. Podemos facelo desde Editar/Preferencias/Privacidade/Historial, como tamén suprimilas permanentemente da listaxe.

Imaxe:FirefoxHistorial.png

Figura 18. Historial de navegación

Privacidade e seguridade

Para facerlle fronte ás posibles ameazas á nosa seguridade e privacidade mentres navegamos por Internet, o Firefox incorpora algunhas características por defecto que, ademais, podemos configurar de acordo coas nosas preferencias e necesidades.

Antes comentouse que o Firefox garda os enderezos de sitios web que visitamos e tamén as descargas, pero do mesmo xeito, parte do contido que se visitou tamén se garda no que todo o mundo chama memoria caché. Faise para facilitar a navegación desde sitios web que se visitan habitualmente.

No menú Editar/Preferencias/Avanzado/Rede, no separador caché podemos suprimir os contidos da memoria caché premendo no botón Eliminar agora. Tamén se pode definir o espazo de disco que queremos dedicarlle.

Cando naveguemos, é habitual escribir información persoal, ou ben termos de busca, en diversos formularios. Esta información pode gardarse por defecto, o Firefox lembrarase e non fará falta que volvamos escribila tantas veces. Podemos desactivalo desde o apartado Historial en Editar/Preferencias/Privacidade.

Igual que cos formularios, tamén podemos xestionar o comportamento do Firefox respecto dos contrasinais que introducimos para entrar nalgúns sitios web. Podemos pedir que lembre sempre os contrasinais pero tamén que non o faga nalgúns sitios. Por defecto, cando introducimos un contrasinal nun sitio web, o navegador preguntaranos se queremos que o lembre. Posteriormente podemos modificar a nosa elección desde Contrasinais en Editar/Preferencias/Seguridade.

Imaxe:FirefoxContrasinal.png

Figura 19. Elixir o comportamento perante un contrasinal

Se temos problemas á hora de lembrar os diferentes contrasinais que utilizamos na Web, podemos xerar un contrasinal co que só fará falta que o escribamos unha vez por cada sesión e co que xa poderemos acceder a todos os recursos protexidos polo contrasinal sen ter que volver escribir un por cada vez. Temos que ter coidado de non esquecer o contrasinal mestre porque de ser así non poderemos acceder á información que protexe e teremos que suprimila e volver crealo todo desde cero.

Outro punto que cómpre ter presente no que respecta á nosa privacidade son as cookies. As cookies son ficheiros de texto que se gardan na memoria caché de disco, e que non se borran ata que non o facemos explicitamente, de aquí os problemas de seguridade.

Imaxe:FirefoxCookies.png

Figura 20. Xestor de cookies

Moitos sitios web utilízanas para definir os parámetros dos usuarios do seu contorno; pero tamén se poden utilizar para facer un seguimento e coñecer algúns datos das preferencias de navegación dentro do mesmo sitio web.

Desde Cookies de Editar/Preferencias/Privacidade pode especificarse que comportamento queremos que siga o navegador. Por defecto é laxo, pero se queremos ser máis restritivos, podemos facer que nolo pida cada vez, ou ben que se borren en cada sesión. A nosa elección específica para cada sitio rexistrarase nunha listaxe que poderemos modificar despois se así o queremos.


Ventás emerxentes

Certos sitios web abren ventás emerxentes que, en xeral, acostuman a ser bastante molestas. O máis habitual é que non sexan máis que publicidade indesexable ou incluso que estean expresamente deseñadas para enganar ao navegante. A pesar diso, tamén hai algúns sitios web que si as utilizan con fins lexítimos. Dado que por defecto o Firefox bloquea as ventás emerxentes, será preciso darlle permiso aos sitios nos que confiemos para as poder amosar.

Ao bloquear calquera ventá emerxente, aparecerá un aviso na marxe superior da páxina web. Alí atoparemos tamén un botón onde despois de premelo, podemos definir os permisos que nos conveñan. Tamén podemos chegar desde Editar/Preferencias/Contido. Desde este momento, os lugares aos que lle deramos o permiso poderán amosar todas as ventás emerxentes que queiran.

Outros aspectos que poderiamos ter en conta verbo da privacidade e seguridade é a carga de imaxes, o comportamento e a habilitación de secuencias JavaScript ou aplicacións Java; tamén a xestión dos sitios web aos que se lles permite instalar extensións, como se explicará na próxima sección. Todo isto pódese atopar tamén en Editar/Preferencias/Contido. Ademais no separador Cifrado en Editar/Preferencias/Avanzado podemos acceder á xestión de certificados. Os certificados son os identificadores propios dalgúns sitios web, como agora as entidades bancarias, que permiten comprobar que o interlocutor é quen afirma no contexto dunha transmisión segura.

Se nos atopamos nun computador que non é noso, por exemplo nun cibercafé ou un telecentro, pode interesarnos borrar todo rastro da nosa navegación. A forma máis fácil é recorrer ao cadro Borrar os datos privados. Accedendo desde Ferramentas/Borrar os datos privados..., o botón correspondente na sección Datos privados de Editar/Preferencias/Privacidade ou ben coa combinación de teclas Ctrl+Maiúsc+Supr (ten coidado de non darlle a Ctr+Alt+Supr).

Máis consellos para unha navegación segura

-Usemos a versión máis actual do noso navegador (véxase a sección Actualización).

-Comprobemos se aparece unha icona dun cadeado na barra de estado. Isto indica que estamos nun sitio web seguro. Comprobamos tamén que na barra de situación o URL comece por <https> cando esteamos facendo transaccións en rede.

-Realizemos todas as transaccións, como comprar ou enviar información persoal, en sitios ben establecidos e cos que esteamos familiarizados. Se non coñecemos un sitio web, asegurémonos que o sitio dispón dunha política de privacidade e información sobre as súas medidas de seguridade.

Extensións e temas

Unha das características máis atractivas do Firefox é a de poder ampliar a súa funcionalidade grazas á instalación de pequenas aplicacións, chamadas extensións, feitas normalmente por terceiros.

Paga a pena que lle dediquemos un momento a facer un repaso das extensións existentes, porque seguramente atoparemos algo que nos poida interesar na nosa navegación diaria. Por exemplo en:

Ao longo deste documento falouse de diferentes extensións, e a seguir imos explicar como instalalas.

Podemos xestionar as extensións desde Ferramentas/Complementos/Extensións. En función do tipo de instalación que fixeramos, pode ser que nos atopemos con algunha extensión, ou ben con ningunha. Podemos suprimir as extensións que xa non queiramos, buscar actualizacións ou acceder ás súas propiedades se dispoñemos desta opción. Premendo co botón secundario sobre as extensións podemos acceder a outras opcións como á posibilidade de habilitalas ou deshabilitalas sen ter a necesidade de desinstalalas.

Imaxe:FirefoxExtensions.png

Figura 21. Xestor das extensións.

Se prememos no enlace Descargar extensións, iremos á sección para o Firefox do sitio Add-ons, desde onde dixemos, podemos instalar moitas extensións. Aínda que é posible instalalas de moitos xeitos (por exemplo arrastrándoas desde onde estean na ventá do xestor) o máis habitual é facelo premendo sobre a mesma ligazón que apunta ao ficheiro da extensión. Se o sitio non está dentro do dominio de mozilla.org, aparecerá un aviso de seguridade para que nos aseguremos que o sitio desde onde instalaremos a extensión merece a nosa total confianza. De ser así, prememos no botón de aviso, e engadímoslle o sitio en cuestión.

Imaxe:FirefoxSeguridadExtensions.png

Figura 22. Accións de seguridade na instalación das extensións.

A partir deste momento, ao premer, apareceranos un diálogo con información da extensión que queiramos instalar. Unha conta atrás daranos a posibilidade de asegurarnos do que facemos; para logo, ao aceptarmos, baixar a extensión e instalala no noso sistema.

Todas as extensións que instalemos non serán funcionais mentres non reiniciemos o Firefox.

Unha vez que reiniciamos o navegador, se a mesma extensión non activa automaticamente un diálogo de configuración, podemos revisalo na opción Propiedades que lle poida corresponder do mesmo Xestor de Extensións. Aínda que cada extensión é un mundo, a maioría deixa algúns sinais que son funcionais como elementos do menú de Ferramentas, Ver ou incluso un botón que podemos engadir ao personalizar a barra de navegación.

Á parte das extensións, tamén se pode personalizar a aparencia da interface do Firefox con diferentes temas. O mecanismo é semellante ás extensións, imos ao Xestor de temas e desde alí prememos en Descargar temas, que nos levará á sección de temas para o Firefox do mesmo sitio Add-ons.

Alí facémonos cos temas que nos interesan e báixanse do mesmo xestor. A seguir eliximos que tema queremos utilizar, e reiniciamos o programa para que os cambios teñan efecto.

Dado que a miúdo leva a confusións, á parte das extensións e dos temas, cómpre diferenciar os anteriores dos motores de busca, tamén coñecidos como conectores de busca, que permiten facer buscas específicas desde a barra de busca web tal e como se explicou antes.

  • Igualmente, tamén hai os complementos (plug-ins), que poden tratar ou reproducir certos ficheiros e documentos, como é o caso das animacións Flash ou os documentos PDF.

Se non dispoñemos dalgún complemento para visualizar correcta e plenamente o contido dunha páxina web, recibimos un aviso na parte superior da páxina e alí onde lle falte contido, amosarase unha peza de crebacabezas. Ao premer no botón de aviso ou ben na sección que non se visualiza, iniciarase un asistente que nos guiará na instalación.

Con algúns complementos, como é o caso da versión de Flash de Macromedia, a instalación intégrase no mesmo asistente; noutros casos, fará falta que baixemos un programa onde se nos indiquen as instrucións e instalámolo no sistema.

Despois, cunha ou outra opción, a miúdo só fará falta actualizar a páxina que estamos a visitar para ver a funcionalidade que se incorporou.

Podemos consultar os complementos que temos instalados escribindo about:plugins na barra de localización.

Actualización

Para garantir a nosa seguridade é recomendable que actualicemos o noso navegador sempre que saia unha nova versión.

Se se utiliza GNU/Linux e se emprega o Firefox tal e como o proporciona a nosa distribución, só fai falta que sigamos o mesmo mecanismo de actualización que co resto das aplicacións do sistema; deste xeito o que se vai explicar a seguir non nos será válido.

Pero se por outra banda se utiliza un binario do Firefox diferente do que proporciona a nosa distribución (baixada de Mancomun.org ou da páxina de Mozilla) ou ben traballamos con outro sistema como Windows ou Mac OS X, entón teremos que ter presente o que se vai explicar deseguido.

Desde a versión 1.5, o Firefox comproba periodicamente se hai novas versións. Cando as hai, baixarase un parche para poder actualizarse. Podemos forzar esta verificación desde o menú Axuda/Buscar actualizacións...

Unha vez que se baixe e se instale a actualización, o Firefox reiniciarase e comprobará se as extensións instaladas son compatibles coa nova versión e, se se dá o caso, actualízaas. Aquelas extensións que non funcionen coa nova versión inhabilitaranse.

Tanto as extensións, coma os motores de busca, poden recibir notificacións de actualizacións. Se saíu unha nova versión dunha extensión que temos instalada, no xestor de extensións aparecerá un botón de notificación para instalala cando queiramos.

Imaxe:FirefoxExtensionsActualizacion.png

Figura 23. Botón de notificación para a actualización das extensións.

Desde o separador Actualizar de Editar/Preferencias/Avanzado podemos definir cal ten que ser o comportamento do Firefox no que respecta ás actualizacións. O máis recomendable é que o deixemos tal e como vén definido por defecto.

Imaxe:FirefoxOpcionsActualizacions.png

Figura 24. Diálogo das preferencias de actualización.

Sobre a licenza do Firefox

A Mozilla Public License (MPL) (Licenza Pública de Mozilla) é unha licenza de código aberto e software libre. Foi desenvolvida orixinalmente por Netscape Communications Corporation, unha división da compañía 'América Online', e máis tarde o seu control foi traspasado á 'Fundación Mozilla'.

A licenza MPL cumpre completamente coa definición de software de código aberto da Open Source Initiative (OSI) e coas catro liberdades do software libre enunciadas pola Free Software Foundation (FSF). Con todo a MPL deixa aberto o camiño a unha posible reutilización comercial non libre do software, se o usuario así o desexa, sen restrinxir a reutilización do código nin o relicenciamento baixo a mesma licenza.

O feito de que Netscape poida sacar versións revisadas da licenza nun futuro non é moi importante xa que é posible seguir empregando a versión actual da licenza se se desexa.

Aínda que o uso principal da MPL é servir como licenza de control para o navegador Mozilla e o software relacionado con el (o navegador Firefox ou o cliente de correo Mozilla Thunderbird, por exemplo), esta licenza é ampliamente utilizada por desenvolvedores e programadores que queren liberar o seu código.

Na licenza MPL baseáronse multitude de licenzas posteriores. A última aprobada recentemente pola OSI é a licenza CDDL de SUN, que permite unha maior liberdade aínda que a propia MPL, na utilización de calquera código baixo calquera tipo de licenza dentro dun mesmo proxecto de software libre, mantendo sempre o proxecto baixo licenza de software libre.

Recoñecementos

Este traballo está baseado na obra "Firefox - Eines d'Internet - Quaderns de Formació Tecnològica" de Toni Hermoso Pulido (autor orixinal da obra), Edit Lin Editorial, S.L. (editorial) e a Regidoria Ciutat del Coneixement de l'Ajuntament de Barcelona (responsable do proxecto)

Licenza do manual

Esta obra é libre e está sometida ás condicións dunha Licenza Creative Commons Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 España Pode redistribuír, copiar e reutilizar este manual sempre que dea crédito aos seus autores, sexa con fins non comerciais e inclúa esta mesma licenza nas obras derivadas. Para unha copia completa da licenza visitar a web: http://creativecommons.org/licenses/by-nc-sa/2.5/es/deed.gl

Ferramentas persoais


Powered by MediaWiki